Fondo cabecera Concello de A Pastoriza

Historia

historia

Os achados de épocas prehistóricas e a existencia de numerosos castros constitúen as primeiras mostras materiais de poboamento na zona, sendo o concello de A Pastoriza extraordinariamente abundante en xacementos arqueolóxicos, sobre todo da época prehistórica e castrexa. De igual xeito, diversas mostras na toponimia testemuñan a presenza de pobos prehistóricos nestas terras.


O concello conta con gran cantidade de necrópoles con túmulos megalíticos (mámoas ou medorras, antas, dolmens), como é o caso do dolmen de Mazoi en Pousada (anos 4.000 - 2.500 a.C. aprox.), mentres que na parroquia de Lagoa apareceron nada menos ca 120 machados prehistóricos da Idade do Bronce (2.000 - 1.000 a.C.). Tamén hai documentados máis de 20 poboados castrexos e galaico-romanos en todo o concello, testemuña dun importante período histórico de asentamento nesta zona que abrangue dende o séc. VIII a.C. ao V d.C., destacando os castros de Fomiñá, Piñeiro ou Sa, este último un dos máis grandes e senlleiros de toda a comarca. Da etapa romana é a estela do Castro das Croas (Reigosa), monumento funerario datado entre os séc. I - III d.C. atopado neste castro xunto con outros vestixios galaico-romanos.


Unha das épocas máis relevantes deste concello circunscríbese á actual parroquia de Bretoña e retrotráenos ao século V. Son varios os historiadores que sitúan aquí o que foi o Mosteiro Máximo da Diocese Bretona de Galicia, sendo a primeira diocese cristiana de España da que existen referencias documentais, e que estaría situada no lugar que actualmente ocupa a igrexa de Santa María de Bretoña. O Parochiale Suevum (século VI) é o documento mais antigo que fala desta primitiva e misteriosa diocese, dándonos noticias tamén de diferentes bispos de Britonia coma Mailoc (ou Maheloc), Metopio, Sona ou Bela, entre outros.


Ao longo dos séculos V e VI os antigos habitantes das Illas Británicas tiveron que abandonar a súa patria ante o avance dos anglosaxóns invasores. Unha boa parte dos fuxitivos refuxiáronse na Armórica galo-romana (hoxe Bretaña francesa) mentres que outros grupos alcanzaron o Noroeste peninsular. Un grupo penetrou pola ría de Foz e o val do Masma, asentándose finalmente nunha ampla chaira situada tralos montes dos actuais concellos de Mondoñedo e A Pastoriza, unha zona que a partires de entón -e en honor aos seus novos ocupantes- foi coñecida como Britonia, a actual Bretoña no concello de A Pastoriza. As invasións musulmás primeiro, e as viquingas despois, ocasionaron finalmente a destrución deste centro e a fuxida da poboación sobrevivinte cara ao norte: San Martiño de Mondoñedo (Foz) e Oviedo, lugares onde o rei Afonso II establece a partires de entón sendas sedes episcopais no s. IX.


Durante a Baixa Idade Media e o Antigo Réxime, as parroquias que conforman o actual termo da Pastoriza estiveron baixo o señorío do cabido de Mondoñedo, dos mosteiros de Meira e Lourenzá e mais do conde de Lemos. A partires de entón, a súa historia componse de pequenas e imprecisas pinceladas, insuficientes para establecer unha historia lineal e sen lagoas, a excepción de, quizais, algunha contribución (tamén sen precisar suficientemente) na loita contra os franceses da Guerra da Independencia (1808-1814). Desta etapa hai que resaltar a cruenta batalla que protagonizaron os pastoricenses contra as tropas de Napoleón na Serra de Carracedo.


Coa abolición do réxime señorial e a conseguinte división administrativa por concellos creouse o municipio de Vián en 1812, inserido no partido xudicial de Mondoñedo e, dez anos máis tarde coa división de Galicia en provincias, incorporouse á de Lugo; este concello de Vián quedaría abolido trala derrogación da constitución por parte de Fernando VII. En 1835, superado o novo período absolutista e reconstituído o municipalismo, conformouse o concello de Bretoña e as parroquias restantes repartíronse entre os distintos municipios limítrofes. Finalmente foi en 1840 cando se configurou o actual termo de A Pastoriza, que integrou ao anterior de Bretoña.

Información sobre el documento

Escudo del	Concello de A Pastoriza
Concello de A Pastoriza
Plaza Galicia N°1 – 27287 A Pastoriza - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 332 197
E-mail: administracion@concellodapastoriza.es
Esta página utiliza cookies propias y de terceros con la finalidad de mejorar la navegabilidad, usabilidad y los contenidos. Si continúas navegando, nos otorgas tu consentimiento y autorizas a la transferencia de datos a EEUU al utilizar el servicio y funciones de Google para la recopilación de datos analíticos y fines publicitarios. Puedes conocer más acerca de las cookies en nuestra Política de Cookies. ACEPTAR | +info